![]() |
Xosé Neira Vilas |
Fillo de labregos, estudou comercio por correspondencia. En 1949 emigrou a Arxentina e entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 funda as Mocedades Galeguistas, casa coa escritora Anisia Miranda en 1957 e funda a editorial Follas Novas. En 1961 marcha a Cuba coa súa dona. Logo de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresan a Galicia en 1994 para viviren en Gres onde dirixen a Fundación Xosé Neira Vilas e continúan co labor cultural e periodístico.

Segundo o seu autor, Memorias dun neno labrego foi escrita no segundo semestre de 1960. Nela pretendía contar como era o estilo de vida nos anos corenta dun rapaz labrego de doce ou trece anos nunha aldea galega, concretamente da comarca de Deza, na aldea de Gres, en Vila de Cruces. Malia non tratarse dun texto autobiográfico, parte dun escenario e mais dunha época concreta.
O libro tivo como primeiro lector a Rafael Dieste. Deseguido, Luís Seoane amosou o seu interese pola obra e fixo un debuxo para a cuberta da primeira edición. E foi moi ben acollido na diáspora galega e enviáronse a Galiza algúns centos de exemplares que foron divulgados e así mesmo tamén gozaron dunha boa acollida.
Hoxe é o libro máis lido da literatura galega e está traducido a algunhas das linguas máis faladas (alemán, chinés, portugués, español, ruso, italiano, checo, inglés, francés...)