sábado, 15 de setembro de 2018

Poesias galegas

“Pero un fato de traidores,
con forte axuda estranxeira,
en nome de Xesucristo
arrasou vilas i-aldeas.

Atila cos seus salvaxes
non fixo tanta estrangueira
¡Un inferno de barbarie!
¡Terrible visión dantesca!

Mulleres escarñecidas,
homes mortos coma feras;
rapaciños esmiolados,
porque dis que “roxos” eran.

Mozas, marcadas a fogo
ou rapada a cabeleira,
son paseados pol-as ruas
como un ouxeto de befa.

Os mais atroces martirios,
as vexacións máis tremendas,
o feixismo enlouquecido,
por todal-as partes sembra.

A Inquisición ergue a croca
pior que na Idade Media,
i-unha bandada de corvos
arredor voa da presa.

Matarifes alquilados,
banqueiros, xente de igrexa,
señoritos lacazáns
i-a máis inmunda raleia.

¡Probe Galiza, que sangras
por mil feridas abertas!
¡Malia qénes che as fixeron!
¡Malia quénes che encadean!..


[estrofas de “GALIZA. Hoxe non eres a de antes” de Ramón Rey Baltar].


Lembranza de Alexandre Bóveda

Ti eres lume vivo, acesa chama,
roita irreversíbel de futuro;
potente trebón que berra e crama,
¡home do pobo, asoballado e puro!

Eres a luz, o guieiro i a bandeira
chantada nos cumes de Galicia.
¡Eres a voz limpa e verdadeira!
¡Eres o pan, o viño i a ledicia!

Ouh Alexandre Bóveda, paixón núa,
furacán potente e desatado:
¡qué exempro foi a morte túa!
¡Qué cantidá de amor sacrificado!

Ouh Alexandre Bóveda, meu irmao,
pai desta patria triste, escura.
¡Invoco a Rosalía, a Castelao…!
¡Nomeo a vida túa, nobre e pura!

Ouh Alexandre Bóveda, semente,
Colleita fidel de lealdade:
¡si vive Galicia i a súa xente
túa morte non pode ser verdade!


(Manuel María, Monforte de Lemos 1971)

Nenhum comentário:

Postar um comentário